Saturday 06 de July de 2024

O alumnado do obradoiro Ártabro Emprende IV xa actúa en Miño


● Actualmente, as persoas que participan desta formación atópanse traballando en tres obras en Miño.

O Concello de Miño, xunto co de Pontedeume e Cabanas, puxo en marcha hai uns meses o obradoiro de emprego Ártabro emprende IV. Este taller, que conta cun gran número de demandantes en cada edición, permite formar a 20 persoas residentes en calquera destes municipios en actividades auxiliares de conservación e mellora de montes ou en instalacións e mantemento de xardíns e zonas verdes.

Hai pouco acaban de terminar a formación necesaria para que o alumnado comece a facer traballo de campo, desenvolvendo labores e tarefas de cada unha das actuacións previstas ao comezo do curso.
A día de hoxe, o alumnado atópase actuando en tres puntos do concello de Miño: no axardinamento da Rúa Raxel; na renovación do céspede e o acondicionamento da contorna das pistas deportivas da Galea; e realizando labores de roza, talla e tratamento de plantas invasoras na Fraga do Xarío.

Nos seguintes meses continuarán desenvolvendo todos os proxectos establecidos ao comezo desta formación, ata terminala por completo no mes de novembro, cando recibirán a titulación por superar este obradoiro.